xoves, 30 de xullo de 2015
luns, 20 de xullo de 2015
sábado, 18 de xullo de 2015
A lei da oferta e a demanda
No neocapitalismo, como nos xogos de azar, a banca sempre gaña; e como en calquera casino, o diñeiro non o pon a empresa, senón os xogadores. Só que no caso das pseudodemocracias capitalistas neoliberais, os cartiños saen do pecunio público, ou sexa, das traballadoras e dos traballadores; porque xa sabemos que a presión fiscal sobre os rendementos do traballo é substancialmente superior á imposición sobre os beneficios empresariais.
Esquematizando moito: co diñeiro de todos (mediante saborosas subvencións), páganse as infraestruturas, (e outras troulas, pola porta de atrás) e póñense en marcha os proxectos. Que a cousa sae ben e hai beneficios? A empresa concesionaria privada ou privatizada enche os petos (quero dicir, os empresarios que están detrás). Que sae coma o cu, por falta de estudos serios, previsións acertadas ou simplemente porque en realidade só se montou o tenderete para lucrar políticos mediante comisións e empresas mediante subvencións a fondo perdido? Non pasa naaaada: aquí paz, e despois, gloria. A vender por prezo de risa a outra empresa (cando non a mesma con outro nome) garantindo un número mínimo de ganancias, e se non as houber: volvemos soltar a galiña entre todos, porque é moi importante manter as empresas (privadas,iso si), que polo visto son as que nos dan de comer.
Ha!
Dicionario visual. Cíngara-o

Lendo un artigo de Méndez Ferrín no xornal, batín coa palabra "tzíngaro", que me chamou a atención, así que me lancei á procura do termo nos dicionarios. Non encontrei a variante ferriniana, senón a forma común "cíngaro", pero si achei diferenzas semánticas entre varios dicionarios consultados:
Para o DRAG, este vocábulo só fai referencia aos xitanos italianos ou a calquera cousa relativa a eles; e apunta á orixe italiana da palabra.
Para o Gran dicionario Xerais da lingua, os cíngaros forman parte dun pobo nómade que se estendeu por Europa, nomeadamente desde Hungría, a partir do século XIII e o adxectivo serve, xa que logo, para todo o relativo á súa cultura, alén de o substantivo nomearen as persoas.
No Gran dicionario Cumio da lingua galega, o termo aplícase aos xitanos, especialmente, da Europa central.
Tentei comparar os resultados co Dicionario de dicionarios da lingua galega, mais non aparece ningunha variante das que se me ocorreron (cíngaro, zíngaro, tsíngaro, tzíngaro) no seu corpus. A forma italiana é "zingaro".
venres, 17 de xullo de 2015
xoves, 16 de xullo de 2015
Dicionario visual. Mergullarse
Na galería Metro, de Compostela, exponse a colección Dive, de Raúl Álvarez, ata o 18 de xullo.
Mancha de cemento en Carballo
Unha vez máis, o azar consegue deseños identificables. Neste caso, non houbo que mirar dúas veces para encontrarlle sentido á mancha.
Nada máis. Ruxe Ruxe
Os de Aríns presentan o vídeo do tema Nada máis, unha animación de Diego Pérez.
martes, 14 de xullo de 2015
Graffiti de Carballo. Bordalo II
O portugués traballa con material de refugallo para conseguir animais tridimensionais tan espectaculares como esta eiruga.
mércores, 8 de xullo de 2015
Onde está o chiste?
![]() |
O texto do globo é unha tradución das declaracións do farmacéutico,
nunha entrevista concedida esta mañá a Espejo Público
|
O chiste é que a Luis Melgarejo (farmacéutico sevillano) o ampare o Tribunal Constitucional na súa decisión de non dispensar a pílula poscoital por motivos de conciencia.
E non é chiste que os medios de comunicación continúen a falar de supostos efectos abortivos da tal pastilla, desatendendo o máis mínimo rigor científico.
Déixovos aquí un enlace á páxina da OMS onde se especifican as características do medicamento ANTICONCEPTIVO en cuestión. Alí poderedes ler, entre outra información, a seguinte:
A
anticoncepción de emerxencia só é eficaz nos primeiros días
posteriores á relación sexual, antes da saída do óvulo do ovario
e antes de que aconteza a fertilización por un espermatozoide. As
pílulas anticonceptivas de emerxencia non poden interromper un
embarazo establecido nin danar o embrión en desenvolvemento.
As pílulas anticonceptivas de emerxencia de levonorxestrel non teñen contraindicacións médicas.
martes, 7 de xullo de 2015
luns, 6 de xullo de 2015
domingo, 5 de xullo de 2015
Dicionario visual. Afiador-a
Entre 1924 e 1926, a fotógrafa estadounidense Ruth Matilda Anderson visitou Galiza. As súas imaxes constitúen un testemuño gráfico e artístico das persoas e os lugares que percorreu.
No caso deste afiador de Noia, Ramón Quintás Castro, a reporteira deixou escrito: "Ramón debe de ser un capitalista, xa que ten un cabalo que lle carrexa a roda de afiar cando lle toca viaxar. Outros desprázanse a pé a través de espazos solitarios, co espiñazo encrespado polos esqueletos raquíticos de decrépitos paraugas".
Dicionario visual. Bus
Ollo, porque as palabras da imaxe non son sinónimos absolutos (DRAG).
Así, "autocar" só se emprega cando o automóbil para transportar colectivamente os viaxeiros non realiza un percorrido habitual, mentres que "coche de liña" só designa ese vehículo cando o itinerario é regular.
Os outros termos ("bus", "autobús" e "ómnibus") son máis xenéricos: poden empregarse nos dous contextos.
Dicionario visual. Hiperrealismo
Preme sobre a seguinte ligazón se queres ver o proceso de creación desta magnífica araña de Stefan Pabst:
venres, 3 de xullo de 2015
Oxi
Ao contrario de Pedro Sánchez, a gata de Zarampagalegando non quere votar no referendo grego; só manifestar a súa opinión.
Ollando pola pechadura
A que che recorda a forma peculiar do oco desta pechadura?
A min, a un monxe axeonllado no seu reclinatorio
xoves, 2 de xullo de 2015
Churrusquenciclopedia. Fantoja-o
Adxectivo
Aplícase a aquela persoa que admira e defende a cantora de coplas Isabel Pantoja, sen deixarse persuadir pola realidade obxectiva.
A fantoja ou fantojo (á galega: fantoxa-o) é un ser humano adaptado bioloxicamente para sufrir con estoicismo -e mesmo con ledicia masoquista- as espiñentas feridas derivadas do comportamento antisocial do seu ídolo, sen diminución algunha do seu apaixonado e sincero entusiasmo.
O fantojo ou fantoja aplaude e aclama co mesmo vigor exaltado un concerto ca unha saída do cárcere, un alarde harmónico ca un "Dentes, dentes...", nunha confusión tal de pensamento e sentimento, que chega ao punto de propoñer a recadación de fondos entre os comúns mortais para evitar o ingreso en prisión da súa admirada delincuente.
Os fantojos adoitan actuar en grupo, desenvolveron unha gran capacidade de cohesión e aléntanse entre si berrando e portando pancartas nas que declaran o seu amor incondicional pola cantante-branqueadora.
O seu hábitat foi mudando en función do paradoiro da súa raíña; desde os teatros, casinos e romarías ata os arredores de comisarías, xulgados e centros penais.
Polo de agora, non se encontran en perigo de extinción, posiblemente pola falta de depredadores naturais. Non sabemos se coa nova lexislación, as reunións espontáneas e, xa que logo, non autorizadas, de fantojas e fantojos; ou a difusión nas redes sociais das súas mensaxes implicitamente apoloxéticas da delincuencia e o crime organizado serán castigadas coa mesma vara de medir ca outras da mesma índole.
mércores, 1 de xullo de 2015
Monta tanto?
No Acordo de Londres de 1953, vinte e cinco países (entre eles, Grecia) perdoáronlle a Alemaña o 62,6% da súa débeda. Os 14.500 millóns de marcos pendentes, remataron de pagarse en outubro de 2010 (si,señor; o outro día).
Grazas a aquela condonación, Alemaña puido recuperarse e converterse na maior potencia europea.
Por que agora nos venden a idea de que a débeda odiosa dun Estado relativamente pequeno son absolutamente imperdoables?
Ah..., misterio de misterios!
Todo pola pasta... digo patria... digo pataca
Coa nova lei, e a partir de hoxe, haberá que superar os 500.000 euros para que as doazóns ilegais aos partidos políticos sexan punibles con cárcere. Olé, olé y olé!
[A non ser que as cartiños proveñan de persoas estranxeiras; daquela pódese ir á cadea a partir de 100.000 euros (quen falou de Venezuela?)].
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)