Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

luns, 16 de febreiro de 2015

Comfia (e non acertarás)

Hoxe está no punto de mira a federación de banca de CC.OO. por saíren á luz as súas contas dos anos 2008 a 2012. Critícanse, especialmente, os 14'06 millóns de euros que os seus dirixentes gastaron en viaxes, aloxamento e alimentación (entre outras miudezas).

Que inxusto é o vulgo! Acaso é tan difícil de comprender que un representante sindical, para poder defender os intereses da clase traballadora, non pode asistir ás reunións cos empresarios co único alimento dun menú de polígono industrial? Como debater en igualdade de condicións coa patronal se un non saboreou as opíparas delicias gastronómicas das mellores marisquerías? Quen sería capaz de enfrontarse con enerxía ás reformas laborais do goberno se a noite anterior non se descansou apraciblemente sobre as sabas de algodón exipcio das mellores suites de hotel? E como discutir cos directivos de grandes empresas sen antes realizar unha escapadiña relaxante ao Machu Picchu? 

E digo máis, ben pouco gastaron, á vista dos resultados. Debiltados pola desvantaxe á que os conduciu a súa austeridade manifesta (e manifestada pola cúpula do seu sindicato), sucumbiron aos encantos dialécticos, derivados, indubitablemente, dunha mellor mantenza, do presidente de Caja Madrid, Miguel Blesa, ao que apoiaron na súa xestión á fronte da entidade financeira; e ao que José María Martínez, actual secretario de Comfia, dirixiu estas sentidas palabras en 2010, cando o banqueiro se despedía para ser relevado por Rodrigo Rato:
 "Queremos expresar nuestro reconocimiento por su gestión durante los últimos 13 años, que también han sido la etapa más fructífera desde el punto de vista laboral”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario