Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

domingo, 25 de xaneiro de 2015

Fragmento de Reo

Xesús Fraga gañou o premio Raíña Lupa de literatura xuvenil do ano 2014 con Reo, un relato narrado en primeira persoa por un escritor de graffiti adolescente. Recomendable e de fácil lectura, aquí vos deixou un anaquiño para vos animar a lelo.

Teño claro que non me vou deixar vencer. Sei o que fago. Os riscos que corro, cales son os límites, onde está a raia. Planifico onde vou atacar, con que, se con rotulador ou spray, e antes dou unha volta para ver o sitio. Tomo nota do ángulo de visión das cámaras, de se anda moita xente de noite, de cal é o camiño máis doado para fuxir. Visto do xeito máis anónimo posible, aínda que procuro levar carapucha, pois axuda a que non te recoñezan. Non me interesa que vexan a miña cara, o que importa é que vexan o meu nome. Cantas máis veces, mellor. Por iso, e porque isto é unha guerra, o meu é o bombardeo. Tags, flopeos, potas, pratas. Non me interesan as pezas. As cores, estilos intricados, os kekos de personaxes de cómic ou das series animadas, non son o meu. Non me interpretedes mal. Non o critico nin lles paso por riba coas miñas firmas. Respéctoo. É graffiti e forma parte do meu bando. Eu mesmo fixen pezas e de cando en vez póñome con algunha. Pero en privado. Fóra, na rúa, non hai tempo para isto. E o graffiti legal, iso de pedir permiso ao propietario dun muro para decoralo, como din, non me vai. Logo pasa a xente por diante e di "que bonito". Por Deus, pero se non teñen nin idea! Non o entenden. Quedan na superficie, seguen sen saber de que vai isto. E o peor son os ofrecementos do concello para deixarche un muro e que te "expreses". Xa! Como se non nos decatásemos de que recompilan información para logo ir por ti cando menos o agardas.
Fragmento de Reo (Xesús Fraga)

Ningún comentario:

Publicar un comentario