Ollo ao piollo!

ACCEDE CUN SÓ CLIC ÁS MIÑAS REDES: Twitter / Facebook / Pinterest / Instagram / Google+ / Correo-e: zaragalladas@gmail.com

martes, 23 de decembro de 2025

Tres camposantos de Pol

Onte, 22 de decembro de 2025, visitei tres cemiterios das 19 parroquias polegas. 

O primeiro, Luaces, é o máis próximo ao núcleo urbano de Mosteiro. Alí non atopei pegada da nosa lingua nos epitafios. Mágoa!

A segunda viaxe levoume ao camposanto de Lea, afastado das casas e da igrexa. Trátase dun recinto modesto e moderno, con panteóns de tres alturas á man esquerda e unha tumba solitaria e ostentosa á dereita. Dezanove familias son as propietarias das camiñas para o alén. O resultado estatístico é o seguinte: 

  • 11 epitafios en galego; a maioría coa fórmula A SEÑORA / O SEÑOR e un FALECEU...
  • 8 epitafios en castelán
  • 7 epitafios sen definición idiomática: D.E.P.
Deduzo que os letreiriños galegos obedecen a unha renovación das inscricións, dado que todos foron realizados pola empresa SERFUJA e recollen datos de persoas finadas desde 1909.

Dende alí trasladeime a Suegos. Non contabilicei os panteóns pero si constatei a presenza da lingua de noso en varias inscricións, unha delas bastante extensa e orixinal, dedicada a dúas persoas. Di así:

"Soubéstedes ser beleza sen presunción, forza sen abuso, valor sen temeridade, e así, no corazón dos que vos queremos, permaneceredes por sempre".

Deste lugar sorprendeume a arquitectura de varios panteóns en mármore pechados por portas que abranguen toda a altura da construción ou a metade dela, segundo o caso. Parecéronme neveiras, coas súas bisagras e tiradores e tan branquiñas coma a neve do día.


Como curiosidade ortográfica, nun epitafio en castelán aparece a palabra "bicnieto".